HISTÓRIA

festa da arbore 84

30 anos de resistência cultural
Pequenos apontamentos acerca dos 30 anos da SCD Condado

Nasce a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado no ano 1973, aínda que os seus estatutos non serían legalizados hastra o 1974. Os tempos non son doados e todo o que siñifique defensa e espallamento da nosa cultura é inmediatamente etiquetado de “roxo” e a persecución e control fanse abafantes.

Nun pequeno baixo da Praza da Oliva de Salvaterra, trázase o que ía ser a liña mestra de actuación: que nin vila nin parroquia da bisbarra descoñeceran a existencia dunha cultura durante moitos anos negada e perseguida polo poder político.

Diante da imposibilidade de financiar a actividade cultural —nin a máis pequena axuda dos organismos oficiais, aínda que sí o seu control—, soio cun pouco de maxín e un moito de traballo, conquírese que no ano 76 a sociedade seña considerada polos meios de comunicación como a segunda de Galicia en cantidade de actos celebrados durante o 75.

Tamén o mundo do deporte ten a súa parcela na Asociación. Introdúcese na bisbarra o deporte do futbito, créase o equipo de fútbol e a sección de piragüísmo e colabórase cos grupos escolares na promoción do deporte infantil e alevín. E ahí, no tempo, están eses primeiros carteles deportivos en galego da nosa historia.Así dende aquela data de fundación deica hoxe, raro é o grupo de teatro, folk ou de gaitas, ou cantautor ou conferenciante comprometido, de toda a nosa xeografía que non tivera unha actuación, así como bandas de múseca e corales da provincia, que non estiveran na parroquia máis lonxana ou no corrucho máis pequeno da bisbarra. Tamén os concursos literarios convocados nos colexios, exposiciós, festas infantís e festas populares —testemuña imborrábel, o revolucionario cambio da Festa do Viño do Condado no ano 78 e que se sigue mantendo coas premisas marcadas pola Sociedade— ocupan unha considerábel parcela nas actividades de cotío programadas.

Os tempos no mundo da nosa cultura, como noutros tantos, non variaron moito: as dificultades económicas siguen protagonizando a nosa existencia, perdida a fe nunha axuda das instituciós ou nunha actividade das mesmas que poidera garantir o reforzamento da nosa cultura. As subvenciós pasan a engrosar bolsas, cuio destino, como sempre e por desgracia, é menos edificante que a promoción cultural dun pobo, dunha nación, como a nosa.

Maio de 1981

SCD CONDADO

O texto que reproduzimos foi publicado no livro editado com motivo do 1º Festival da Poesia no Condado, celebrado em Mondariz-Balneário. Reflecte umha síntese da actividade realizada desde a fundaçom da SCD, tempo em que se organizárom semanas culturais em todas e cada umha das paróquias de Salvaterra e em numerosos lugares da comarca. Começava a recuperaçom da cultura própria em tempos de fascismo.

Outra das iniciativas a destacar dos primeiros anos foi o Cineclube organizado entre 1975 e 1977, no que se projectárom filmes de prestígio e outros daquela proibidos, como o Acoraçado Potemkin. E também teatro, concertos de bandas de música, de música tradicional, cabalgatas de reis, magustos…

A SCD também prestou atençom ao desporto, organizando os primeiros campeonatos de futebol de salom na zona. E dos primeiros no País em ser convocados em galego, para além de manter um carácter reivindicativo. E ademais, realizárom-se marchas ciclistas, maratonas e jornadas depiraguísmo.

Entre 1977 e 1979 muitas das pessoas que compunha a Sociedade trabalhárom na Xunta de Viciños do Condado, entidade popular e nacionalista que convocou em Ponte Areas a maior mobilizaçom da história recente da comarca (mais de duas mil pessoas sem autorizaçom) contra o Plano de Ordenaçom do Condado, proposto por José Castro. De facto, a Xunta conseguiu paralisar o projecto que pretendia instalar celuloses, extraer áridos do Minho e construir a barragem de Sela, entre outras agressons. Durante dous anos editárom oito exemplares do periódico anticaciquil A Voz do Condado e em 1979 obtinham três concelheiros eleitos em Salvaterra.

O trabalho com os nenos e nenas foi constante, organizando festas infantis,magustos, jornadas pedagógicas, concursos de murais pola comarca e o dia da árvore, no que se plantárom numerosas espécies autóctones em Salvaterra de Minho.Desde 1981 até hoje a SCD dedica boa parte do ano à organizaçom do Festival da Poesia, salvo um paréntese entre 1996 e 2001, no que por questons económicas, boicotes e outros motivos a SCD reduziu a sua actividade e deixou de celebrar o Festival.

No entanto, em 1999 organizou junto a amigos e amigas de Suso Vaamonde umha multitudinária homenagem à sua trajectória (com o protagonista vivo) que encheu as instalaçons do pavilhom desportivo com a presença das melhores formaçons musicais, poetas e representantes da vida cultural e política galega.Ao pouco tempo, a Sociedade apresentou no Concelho de Salvaterra umha proposta para mudar os nomes das ruas fascistas e galeguizá-los. A iniciativa, aprovada por unanimidade, trouxo ao rueiro da vila nomes como Rosalia de Castro, Castelao, Suso Vaamonde ou Curros Enríquez.

O Festival da Poesia realiza-se habitualmente em Salvaterra (salvo ediçons celebradas em Mondariz-Balneário, Salzeda de Caselas, Ponte Areas e Porrinho). Por el passárom reconhecidos/as poetas como Méndez Ferrín, Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Marta Dacosta, Manolo Rivas, M.A. Fernanvello, Mª do Carme Kruckenberg, Viale Moutinho…

Além de escritores/as da maior parte dos países da lusofonia, de Euskadi e dos Països Cataláns.No ámbito musical, estivêrom cantores como Suso Vaamonde, Emílio Cao, Amancio Prada ou os portugueses José Afonso, Fausto, e Vitorino. E grupos como Fuxan os Ventos, Os Diplomáticos, Milladoiro, Hertzainak, Chouteira, Carlos Mejia Godoy y los de Palacagüína (Nicaragua), Manecas Costa(Guiné-Bissau), Paulinho Vieira (Cabo Verde) …

Em varías ocasions celebrárom-se concorridos encontros de humoristas, dos que se editárom várias compilaçons de trabalhos. Destes encontros, que reunírom à maior parte dos/as humoristas galegas, saírom fruitos como a publicaçom satírica Can sen Dono, da que depois tomaria relevo o Xó!.

E foi sempre umha festa das artes e da cultura, com mostras de editoriais, detecido artesanal, alfareria, fotografia, escultura, pintura, coiro ou gaitas. Todas as formas de expressom artística tivêrom e tenhem cabida no festival.A 30 anos do seu nascimento, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condadocontinua com folgos e ares renovados, aguardando cumprir, polo menos, trinta anos mais para celebrá-lo com festa e compromisso.